P. De pequeno pensaba que chegaría a
ser alcalde?
R. Non. Incluso custoume moito chegar a ser candidato, porque non tiña
vocación. Tiña vocación de servizo público, iso si. Na clandestinidade si que
traballamos moito polos demais, e para que chegara a democracia. Foi necesario
moito esforzo e moito traballo para acadala. Toda a vida preocupoume que
houbera unha xustiza social, para que os pobres foran menos pobres.
P. Que quería ser de pequeno?
R. Como todos: futbolista. Gustábame moito xogar de medio centro,
distribuíndo o balón. Soñaba ás veces tamén con ser policía ou bombeiro. Era un
neno absolutamente normal.
P. Como era Vigo cando tiña a nosa idade?
R. Podo contar como era cando eu cheguei á alcaldía. Case un cuarto da
poboación viguesa non tiña auga corrente nin alcantarillado. Había, por culpa
diso, enfermidades endémicas na nosa cidade. Había un problema sanitario
enorme. Unha parte importante da xente que vivía no rural non tiña luz, non
había asfalto nos camiños. Era un Vigo empobrecido de servizos.
R. Se faláramos de que é Vigo… faríamos unha abstracción incorrecta. Vigo
non son só as rúas, as prazas, o peirao… é sobre todo os vigueses. Que
cambiamos os vigueses que entón fixo que cambiara a cidade? a ansia de liberdade
e de xustiza. Viñamos dunha ditadura, e acadamos moito. Dimos servizos públicos
aos que non os tiñan, refacendo os colexios nacionais por exemplo. Non había un
montón de servizos e había que poñelos para todos aqueles que non tiñan cartos.
Buscando xustiza social hai que conseguir que todos teñamos de todo: bos
colexios, boa sanidade. Que cambiou de Vigo? o sentimento de loitar pola
xustiza.
P. É difícil gobernar esta cidade?
R. Moito. Cando chegas a unha cidade con tantos problemas como tiña, e
estoupando a ansia de liberdade que había temos que ser capaces de valorar as
ideas dos demais e analizar para obxectivar as cousas que un ten que facer.
Hoxe é infinitamente máis doado de gobernar, en comparanza con aqueles tempos.
Ten moito mérito o alcalde e os concelleiros de agora, pero antes era máis
difícil. O Concello de Vigo estaba arruinado, de ter sido unha empresa estaría
quebrada.
Pensade que Vigo tiña moitas folgas, moitas manifestacións. A inquedanza
social era moita naquela época.
P. Que foi o máis difícil que tivo
que facer como alcalde?
R. Non sei se foi o máis difícil pero lembro que a maior angustia que pasei
como alcalde de Vigo, aínda que estaba convencido do que tiña que facer, cando
estando de manifestación todo Vigo co tema da reconversión industrial do sector
naval, eu negueime a encabezala. Sería longo explicar o porqué a min non me
parecía xusto… eu pensaba que facer iso era poñerse nunha situación de fóra de
xogo fronte ao goberno de España. Eu asumín a responsabilidade de non secundar
esa manifestación. Todo Vigo estivo nas rúas, pero eu non. Pasei un día
espantoso, mais despois o tempo deume a razón. Logo, falei con Felipe González,
presidente do país naquel momento, e puiden con lexitimidade pedir o que si
consideraba importante, como unha autopista que chegara a Vigo e non só a
Santiago.
P. Que momento lembra con máis
cariño?
R. Moitos, os bicos dos nenos e dos vellos. Cada vez que ía a unha escola
os nenos recibíanme con moito agarimo. E os vellos tamén. E case máis estes
últimos. Gústanme moito os nenos pero é máis doado querelos antes que querer a
un maior. Os maiores dábanme moita tenrura e cando algunha velliña dábame un
bico con tanto agarimo, iso dábame moita felicidade.
P. Que lle gustaría cambiar da cidade
de hoxe en día?
R. Prefiro deixalo ao alcalde e á corporación actual. Hai moitos anos que
estou en silencio. É moi difícil gobernar e opinar, todos podemos opinar.
P. Qué aspecto de Vigo necesita máis
cambio?
R. Vou dar unha resposta xenérica sen meterme na gobernanza. En xeral, o
mesmo que cando cheguei á alcaldía. Hai moito que facer, hai moita xente que o
está pasando moi mal. A todos nos gustaría axudarlles. Iso é o importante.
P. Se Vigo tivera que parecerse a
outra cidade, ¿a cal lle gustaría que se parecese?
R. A Vigo. A min encántame Vigo. Ten moito que mellorar pero hai que amar o
que temos. Eu estou convencido de que todos amades a Vigo. Iso non quere dicir
que non podamos copiar cousas boas doutras cidades. Hai que pensar que cousas
boas hai noutras sitios e se é posible trasladalas a Vigo, mellor.
P. Como será o Vigo do futuro?
R. Polo que dixen antes: máis xusto. Témolo que facer con menos
desigualdades sociais.
En Vigo, a xente que non ten onde durmir ou nada de comer, ten onde facelo.
O Concello dálle de comer e sitio para durmir. Un concerto cos Irmáns
Misioneiros de Teis axúdalles porque Vigo ten que ser solidario. Dende a miña
época de alcalde nunca deixou de selo.
P. Cómo lle gustaría que lle
recordasen como alcalde?
R. Como unha boa persoa. Non o teño moi claro, porque depende do momento
emocional pero diría con agarimo.