2ª SEMANA DA RADIO

Mostrando entradas con la etiqueta Vigo Historia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vigo Historia. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de enero de 2012

Vigo Historia: Vigo no século XX e XXI

A comezos do século XX..

A burguesía liberal viguesa aprópiase dos mecanismos do poder económico e político. O asentamento de empresarios cataláns no século XIX, no barrio do Areal, propiciou o desenvolvemento da industria da salgadura de peixe e o rexurdimento dunha etapa de gran crecemento da industria pesqueira.

No primeiro terzo do século XX..

O porto de Vigo asóciase á imaxe de emigración de miles de galegos que se embarcaron rumbo ao continente americano, pero tamén ao desenvolvemento económico. Comezan a crearse importantes empresas na cidade como os estaleiros de Barreiras (a finais do século XIX) e Vulcano; así como Pescanova e unha multitude de empresas relacionadas co mar, sendo o sector industrial por antonomasia, ao que hai que imputar a creación e expansión da maior parte das demais industrias.

Outro símbolo da cidade foi o tranvía, que empezou a funcionar en 1914. A cidade

neste tempo ten unha enorme actividade social, abundan os xornais e semanarios, as asociacións e as organizacións de carácter político ou sindical, pero todo este dinamismo quedou neutralizado co estalido da Guerra Civil. Segundo avanza o século, Vigo absorbe o municipio de Bouzas en 1904 e o de Lavadores en 1941, agrandando o seu termo administrativo e aumentando a súa poboación.

A mediados de século..

Trázase a Gran Vía e a cidade experimenta un gran crecemento demográfico coa incipiente creación de barrios residenciais como o de Coia. Instálanse novas industrias, como Citroën Hispania, ao tempo que melloran as comunicacións e xorden novos planos de ensanche da cidade. Vigo sofre un eleva

do crecemento demográfico, pasando dos 30.000 habitantes que había en 1910 aos case 300.000 de hoxe en día.

Economía

A notable expansión do Porto de Vigo ata os nosos días convertérono no principal Porto Pesqueiro de España e nun dos máis importantes do mundo.

O seu recoñecemento a nivel internacional foi propiciado pola celebración anual de varias exposicións mundiais de pesca celebradas na nosa cidade. A construción do Auditorio-Palacio de Congresos na cidade potenciará notablemente o turismo congresual e de negocios e contribuirá á potenciación do sector servizos e ao desenvolvemento de Vigo.

A industria automobilística, os estaleiros, as conserveiras, a construción, a moda, etc., son algunhas das principais actividades económicas que converten a Vigo no motor económico de Galicia.

A proximidade de Portugal favoreceu tamén o establecemento dunha estreita relación comercial, cultural e de comunicacións co norte de Portugal, que beneficiou enormemente ao desenvolvemento económico e industrial da cidade, converténdose por excelencia na gran cidade comercial e de servizos do sur de Galicia e do Norte de Portugal.

Información sacada da web do Concello (http://hoxe.vigo.org/)

Vigo Historia: o Século XIX

En 1809..

Vigo foi ocupado polo exército francés. A resistencia popular dirixida polo militar Morillo e por Cachamuíña provoca un levantamento que termina coa expulsión dos militares galos. Este episodio motivou a concesión a Vigo do título de cidade “Fiel, Leal e Valorosa”. En 1833 acondiciónase o camiño real que leva a Madrid, coñecido como estrada de Castela ou de Villacastín. Un ano despois finalizan as obras de construción da Colexiata por Melchor de Prado, xa que o antigo templo fora destruído nun dos numerosos saqueos producidos na vila.

A mediados de século..

Créanse a sucursal do Banco de España e o novo peirao de pedra. A cidade medra e os seus rexedores acordan derrubar as murallas para facilitar a súa expansión.

A segunda metade do século XIX..

Foi un período de continuo crecemento da cidade propiciado, entre outras cousas, polo incremento das relacións con América. Dende 1855 establécense servizos de comunicación marítimos periódicos coa Habana, Bos Aires e Puerto Rico. Unha década despois comeza a construción do ferrocarril, inaugurándose a liña Ourense-Vigo en 1881, e as obras de recheo da ría para ampliar as instalacións portuarias.

Neste tempo continúan abríndose na cidade fábricas de salgadura e de derivados de produtos mariños. Isto provoca un aumento da poboación asalariada e tamén dunha burguesía financeira. Vigo expándese extramuros coa apertura de novas rúas e a construción de nobres edificios de pedra. En 1880 fúndase a “Caixa de Aforros de Vigo” e, un ano despois, constitúese a Xunta de Obras do Porto.

En 1899..

O porto de Vigo recibía os soldados malferidos procedentes da Guerra de Cuba, acolléndoos e prestándolles a axuda necesaria. Este feito outorgoulle o rango de “sempre benéfica”, polo que dende entón, o escudo da cidade garda o lema de “Leal e Valorosa cidade de Vigo e Sempre Benéfica”.

O incremento das relacións con América, a instalación de novas industrias e a mellora das comunicacións foron unha constante ao longo dos séculos XIX e XX.

A finais da centuria, a cidade contaba xa con 15.000 habitantes.

Información sacada da web do Concello (http://hoxe.vigo.org/)

Vigo Historia: do Século XV ó XVIII

Malia os continuos ataques de piratas, Vigo vai medrando. Gaña importancia neste período a actividade artesanal e o comercio, pero a actividade máis relevante é a pesca de sardiña.

En 1585..

O pirata inglés Francis Drake intenta tomar a vila, fracasando debido á oposición veciñal. Catro anos despois, ataca de novo a cidade, arrasando e queimando todo o que atopa ao seu paso.

Os armadores vigueses organizan a defensa e conseguen a patente de corso da coroa para saquear os barcos comerciais inimigos.

En 1617..

Os piratas turcos intentan o asalto da cidade, sendo repelido polos veciños. Estes frecuentes ataques marítimos obrigan a construción en 1656 das murallas da cidade e do Castelo de San Sebastián.

En 1702..

Prodúcese o episodio máis importante da historia da cidade: a batalla de Rande. A frota anglo-holandesa persegue dentro da ría a Frota da Prata española e os barcos de guerra franceses que a escoltaban. Esta importante frota, cargada de riquezas procedentes de América é destruída despois dunha cruenta batalla no mar e na terra. Os ingleses conseguiron levar varios barcos con tesouros pero o resto foron afundidos polas chamas e, hoxe, atópanse no fondo mariño da enseada de San Simón.

En 1778..

Carlos III rompe co monopolio dos portos autorizados a comerciar con América e Vigo comeza a beneficiarse do tráfico de alto bordo. Nesta época a vila estaba completamente pechada cunha muralla, construída con motivo da Guerra de Restauración Portuguesa ante o temor dunha posíbel invasión. Preto do mar estaba o baluarte da Laxe e, no lado oposto, o castelo de San Sebastián. Ao longo da muralla abríanse sete portas: a da Falperra, a do Berbés, a do Mar, a da Laxe, a da Gamboa, a do Sol e a do Pracer.

Na segunda metade do século XVIII..

A chegada á cidade de comerciantes e industriais cataláns supón unha pequena revolución económica, proliferando as fábricas de salazón, xabón e produtos de coiro e liño.

Información sacada da web do Concello (http://hoxe.vigo.org/)

Vigo Historia: Idade Media

Durante este período, a igrexa dominaba a sociedade galega. A cidade de Vigo dependeu durante moitos anos do mosteiro cisterciense de Melón.

Foi unha época marcada polas frecuentes incursións da piratería procedentes do norte de Europa. Estes sucesos motivaron o desprazamento da poboación cara ao interior na busca de máis seguridade, refuxiándose no Monte do Castro.

Durante a Idade Media, Vigo era coñecido polas súas plantacións de oliveiras e o florecente comercio pesqueiro.

Hai constancia documental de igrexas románicas no actual termo municipal que proban a existencia de importantes asentamentos de poboación na zona nos séculos XI, XII e XIII, en localizacións que coinciden coas actuais parroquias viguesas. Deste período destacan Santiago de Bembrive, San Salvador de Coruxo e Santa María de Castrelos. Consérvanse ademais dúas pontes, en Sárdoma e Fragoso, respectivamente, e restos románicos na ermida do Freixo en Valadares e nas igrexas barrocas de Sárdoma e de Santa Cristina de Lavadores.

A partir do século XII, no que a cidade comeza a recuperar poboación, Vigo segue sometido ó poder da igrexa e dos señores feudais. A parroquia de Santiago de Vigo era a máis importante da vila xunto co barrio de Santa María. O desenvolvemento da cidade viuse limitado debido a que a Coroa outorgoulle a Baiona a facultade de comerciar por mar con outras cidades.

Destaca neste etapa as fermosas Cantigas de Amigo compostas por Martín Códax.

Información sacada da web do Concello (http://hoxe.vigo.org/)

Vigo Historia: época romana

En Vigo, denominada ”Vicus Spacorum”, o proceso de romanización produciuse de forma temperá. Os vestixios arqueolóxicos mostran a existencia dunha intensa actividade portuaria e comercial no litoral vigués dende o século II a.C. até o século I d.C. no que se establece a “pax romana”.

Do proceso de romanización quedan relevantes vestixios: vilas esparexidas por todo o litoral (Alcabre ou Toralla), restos de instalacións portuarias, rúas, instalacións (salinas ebricas de salazón), necrópoles, restos subacuáticos… así como a intensa romanización dos poboados castrexos do municipio.

As últimas escavacións realizadas no Areal e na Zona Vella revelan a posíbel existencia, entre os séculos III e VI d.C, dun importante asentamento humano como o “vicus romano”.

Información sacada da web do Concello (http://hoxe.vigo.org/)

Vigo Historia: prehistoria

Vigo e a súa comarca estiveron poboadas dende a antigüidade. Así o testemuñan a cantidade de dolmens e mámoas que se atopan no termo municipal.

Non se localizou ningún xacemento paleolítico e os únicos achados datados na Idade de Pedra son medio centenar de útiles tallados en cuarzo e cuarcita conservados no Museo Quiñones de León.

No período do Neolítico atopáronse diversos machados de man, algúns de carácter votivo. Nesta étapa destacan as construcións funerarias, denominadas túmulos, datadas entre os anos 3000 e 1800 a.C., das que cómpre salientar a denominada Casa dos Mouros, na subida ao parque da Madroa. Petroglifos relevantes son os de Fragoselo e o de Millaradas.

Na transición do III o II milenio a.C., hai un numeroso conxunto de gravados rupestres con representacións de motivos xeométricos, armas e fauna.

Varios achados de cerámica, armas de bronce e mais gravados rupestres indícannos a existencia de habitantes e poboacións na chamada Idade de Bronce, entre os anos 1900 e 800 a.C.

A cultura castrexa, que abarca toda a Idade de Ferro, desenvolveuse en Galicia dende o século VIII a.C. até o fin do I d.C. deixando en Vigo numerosos vestixios, como mostra a presenza de 26 poboados de castros. Este dato indícanos que nesta época Vigo tivo unha das maiores densidades de poboación de toda Galicia. O maior destes poboados é o situado na ladeira do monte do Castro. Os seus habitantes vivían da agricultura, actividade que complementaban coa caza e a pesca. Traballaban, así mesmo, o ferro e a pedra.

Información sacada da web do Concello (http://hoxe.vigo.org/)