O día 26 de xaneiro, algúns membros do Faro de Vigo (entre eles o seu subdirector) achegáronse ao noso centro para falar de xornais e xornalismo. Estiveron contándonos como se fai un xornal, como traballan os xornalistas, etc. Nós, estamos preparando o noso xornal, cada 5º de Primaria o seu, e as indicacións destes especialistas facilitaron moito o noso labor.
Debemos dicir que estamos participando nun proxecto que precisamente puxo en marcha o Faro de Vigo. Faro da escola pretende achegar a prensa e os xornais aos centros educativos. A importancia da información e o xeito de facer xornalismo en diferentes soportes, son os eixes vertebradores deste proxecto educativo. Faro de Vigo, como periódico local que é, trata desta forma de fortalecer o vínculo entre prensa e educación, e para iso propúxenos a creación dun xornal. E nesas estamos.
Na charla de onte, tamén tivemos ocasión de coñecer o funcionamento do programa Scribus, que será o software que utilizaremos para maquetar o noso xornal. Complexo, pero nada que non podamos facer cun pouquiño de atención.
Xa estamos preparados para o noso seguinte paso...