Os obxectivos do Milenio
Nos últimos anos o colexio Divino Salvador adica unha semana ao mundo da radio, co ánimo de difundir a cultura galega. Deste xeito, tivemos unha semana dedicada ao cinema, á música, ao cómic… pero este curso queriamos facer algo diferente. Este ano a nosa Semana da Radio, (que xa chega a súa quinta convocatoria), versará sobre os Obxectivos do Milenio.
En setembro do 2000 tivo lugar na cidade de Nova Iorque, o Cumio do Milenio. Nel, os representantes de 189 estados recordaban os compromisos adquiridos nos noventa e asinaban a Declaración do Milenio.
Nesta Declaración establecíase un acordo no que a comunidade internacional se comprometía a “non escatimar esforzos para liberar aos nosos semellantes, homes, mulleres e nenos e nenas das condicións miserables e deshumanizadoras da pobreza extrema”.
Ese compromiso tomaba forma na decisión de establecer e conseguir oito obxectivos antes do ano 2015. Estes Obxectivos do Milenio abranguían diferentes áreas relacionadas directa ou indirectamente coa pobreza extrema: a erradicación da pobreza e da fame, a educación primaria universal, a igualdade de sexos e a autonomía da muller, a redución da mortalidade infantil, a mellora da saúde maternal, o combate contra a VIH, o paludismo e outras enfermidades, a sostenibilidade do planeta e a formulación de asociación mundial para o desenvolvemento.
Todos os obxectivos teñen como finalidade primordial a erradicación da pobreza extrema e a fame pero cada un deles actúa de forma independente nun ámbito diferente da vida humana. O propósito é establecer accións e acadar logros en cada unha das áreas para que actúen de forma sinérxica, é dicir, para que os resultados en cada unha das áreas apoien e faciliten os conseguidos noutras. Así, todos os obxectivos teñen unha estreita relación entre si; algúns tócanse e incluso, ás veces, solápanse nas súas propostas.
Sen dúbida, non se pode entender a mellora da saúde infantil e a redución da mortalidade dos nenos e nenas sen asegurar que van nacer e medrar nun medio ambiente saudable; ou a igualdade entre homes e mulleres, se a elas lles custa a vida dar a luz; ou a erradicación da pobreza se non existe unha forma de comercio mundial xusta e equitativa.
Aínda que teñan sido os estados os que asinaron a Declaración do Milenio sería inxusto afirmar que o problema da pobreza extrema e a fame é tan só dos estados e non das persoas que habitamos o planeta e que o compartimos como lugar e forma de vida. A responsabilidade sobre o que no planeta acontece é de todas as persoas que o habitan.
É por isto que a nosa Semana da Radio deste ano xirará en torno a s Obxectivos do Milenio, como unha forma de poñer o noso gran de area a unha labor tan importante: a concienciación destes problemas e dos froitos que pode dar o noso traballo para solucionalos.