2ª SEMANA DA RADIO

domingo, 31 de octubre de 2010

3. Promover a igualdade de sexos e a autonomía da muller

Para alcanzar este obxectivo, a comunidade internacional comprometeuse a eliminar as desigualdades entre os xéneros no ensino primario e secundario, preferiblemente para o ano 2005, e en todos os niveis do ensino antes do fin do ano 2015.

É o único dos obxectivos para o que se estableceu un prazo máis curto de cumprimento en parte dos seus postulados, o que reflicte a súa importancia.

A situación da muller

A discriminación contra as mulleres está moi arraigada en determinadas sociedades, até o punto de non percibir como un problema, senón como un feito natural, a subordinación ao home, o ter menores dereitos ou salario ou, mesmo, os malos tratos físicos.

As mulleres teñen unhas taxas máis elevadas de analfabetismo e abandono escolar (o 57% do total de nenos sen escolarizar son nenas), debido a que o coidado da casa, a familia e os nenos son tarefas, en numerosos países do mundo, exclusivas das mulleres.

Unha muller non escolarizada ten máis posibilidades de vivir na pobreza, de ter un número máis elevado de partos, morrer nun deles ou perder aos seus fillos por complicacións no embarazo, no parto ou pola acción de enfermidades.

Lentos avances para o logro do obxectivo

A pesar de que dúas terceiras partes da poboación analfabeta no mundo son mulleres, a diferenza entre xéneros na taxa de matriculación de primaria vén reducindo de maneira continuada nos últimos anos.

En 2005, UNICEF cifraba o Índice de Paridade entre os Xéneros a nivel mundial en 0,96, o que significa que por cada 100 nenos matriculados en primaria, hai 96 nenas que acoden á escola; mesmo existen rexións, con taxas máis elevadas de nenas na escola que de nenos.

O traballo da muller ten maior probabilidade que o do home en non ser remunerado (o 60% dos traballadores familiares non remunerados son mulleres). A pesar destes datos, o número de mulleres con traballo remunerado e non relacionado coa agricultura creceu en todas as zonas do mundo, especialmente en Asia meridional, Asia occidental e Oceanía.

Tamén en política, a participación da muller vai en aumento, aínda que lentamente, representando o 17% dos membros de parlamentos e cámaras baixas en todo o mundo, fronte ao 13% que representaban en 1990.

A pesar deste balance xeral positivo, a igualdade de xéneros debe converterse nunha prioridade para as políticas nacionais dos gobernos e para a axuda internacional, como tema transversal das políticas e proxectos de desenvolvemento.