2ª SEMANA DA RADIO

miércoles, 27 de enero de 2010

Os autores

Xa rematou a nosa 4ª Semana da Radio, dedicada ao mundo do cómic. Durante os días que se celebrou tivemos a oportunidade de entrevistar a algunhas figuras do cómic galego actual, xente que traballando dende a nosa terra conseguiu abrir as portas do seu talento ao panorama internacional. Os creadores que nos concederon o seu tempo estes días e que charlaron con nós son:

DANI MONTERO

Ten experiencia en banda deseñada, ilustración, caricatura e animación. Participou na produción de tres filmes 3D e no departamento de arte de Dygra Films. Actualmente traballa como ilustrador profesional por conta propia e contribúe anualmente á organización do certame de Cangas.


Ten recibido diferentes premios en certames como o de Arteixo ou o "Mutantes Paseantes" de Cádiz. Entre outros levou estes galardóns: 1º premio en Las Palmas (2001), premio ao mellor guión en San Boi (2001), 3º premio en Arteixo (2002), 3º premio en Pontevedra (2002). Primeiro premio no VIII Concurso de Caricaturistas Noveis, convocado pola Casa da Xuventude de Ourense como contribución á VIII Bienal da Caricatura. Coa obra “Sen mirar atrás” venceu no V concurso Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña (2009).


EMMA RÍOS

Traballa como arquitecta, ilustradora e autora de cómic, campo este no que se caracteriza por un estilo próximo ao manga. Colaborou entre outros cos fanzines "El bolchevique vespertino", "Esto es la guerra", "Mensajes en una botella" e "Comikaze". É a guionista e debuxante de "A prueba de balas", unha historia de acción futurista que comezou en formato fanzine (nº0, agosto de 2001; nº1, agosto de 2002) e que se iniciou como cómic por imprenta coa incorporación da autora ao colectivo Polaqia. Convidada a Angoulême polo fanzine L´inédit 2006, e ao salón de Andenne (Bélxica, 2005 e 2006). Realizou as ilustracións: Sam & Twitch, especial Spawn (Delcourt, 2006), 10th Muse (Bluewater Productions), e na revista francesa de rol e ci-fi "Casus Belli" números 37 e 38. Tamén colaborou como free-lance coa empresa de animación Deboura. Acadou moito éxito grazas aos as súas ilustracións en cómics como Los Reyes Elfos e Hexed, para o mercado norteamericano.Gañou o concurso de Arteixo en 1999 co cómic Como el cielo en invierno. Terceiro premio do Certame de Banda Deseñada da Xunta de Galicia (2004) formando equipo con David Rubín. Premio ao mellor autor revelación en Expocomic (Madrid, 2008) por Los Reyes Elfos: Historias de Faerie 2 e Barsowia.

VANESSA DURÁN

Autora de estilo manga, ten participado en media ducia de fanzines. Debutou profesionalmente no mundo do cómic en 1996 con "Uno Entre un Millón" e ao ano seguinte comezaría a súa primeira serie, "Sheol", ambos editados por Camaleón Ediciones. Desde 1997, e como debuxante por conta propia, ten publicado traballos en revistas como "Kame", "Minami 2000", "Nautilus" además de en prensa xeralista. En 2000 comeza a súa proxección internacional, cando publica as súas ilustracións no libro canadense "Big Eyes, Small Mouth", e sen deixar o mundo dos fanzines coedita "Itaii Itaii". Desde 2003 traballa como ilustradora na serie de libros de debuxo "Mangamania", que se publica en todo o mundo, e tamén ilustrou "El dibujo manga" (Parramón Ediciones 2006).

Gañou o premio ao mellor manga no I Salón do Manga de Barcelona.

DAVID RUBÍN

Debuxante e animador, comezou na ourensá Limaía Produccións. Continúa no campo dos debuxos animados, agora traballando para a produtora coruñesa Dygra. Ten feito curtametraxes e cortinillas de animación, pero é máis coñecido como autor de BD, xa que é un dos máis prolíficos de Galicia. Confundador do colectivo Polaqia en 2001, debuxou unha historia escrita por Kike Benlloch no álbum colectivo "Mmmh!!". Conta con series propias nas principais revistas galegas: "BD Banda" (desde 2001) e "Barsowia" (desde 2003). Foi o autor de "Os Kinkilláns", unha das series máis populares da segunda etapa de "Golfiño" (La Voz de Galicia). Cómics seus viron a luz en innumerables publicacións como "Tos", "Huevo", "El fanzine enfermo", "Humo", "Interzona" (2007), "Ex Abrupto" (2008). Foi un dos autores que máis contribuiu á segunda época da revista "Dos veces breve". "El circo del desaliento" (Astiberri 2005) é o seu primeiro álbum monográfico, e inclúe en castelán a historia "Onde ninguén pode chegar" (Lea 2006). "La tetería del Oso Malayo" é o seu segundo álbum (Astiberri 2006), tamén artellado arredor de varias historias curtas xunto a unha extensa.


Levou o segundo premio no XV Concurso Galego de Banda Deseñada Xuventude 99 coa obra "Penso en ti e o resto é sinxelo". Gañou o primeiro premio das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, na categoría de 22 a 30 anos, nos anos 2000 (por "A sombra xigante que me afoga") e 2002 (por "Antón ardendo") e mais o cuarto premio en 2001. Premio Ourense ao mellor autor afeccionado (Casa da Xuventude de Ourense, 2000). Gañador en xaneiro de 2003 do VIII Certame de Cómic de Arteixo, correspondente ao ano 2002. Gañador en marzo de 2004 do IX Certame de Cómic de Arteixo coa historia "O segundo que ía dicirche". En 2004 fíxose co segundo premio do certame "Na Vangarda" (Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade) polo relato breve "Corredora" feito en equipo con Emma Ríos. Gañador en 2005 do I Premio Castelao de BD (Deputación Provincial da Coruña) coa novela gráfica “Onde ninguén pode chegar”. Venceu tamén en 2005 no certame "Na Vangarda" coa historia curta "Patacas". Gañador do Premio Josep Toutain ao Mellor Autor Novel no Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007, pola súa novela "A tearía do Oso Malaio". Este mesmo título valeulle o premio da crítica española á mellor obra nacional de 2006 e mais ser finalista no Premio Nacional de Cómic concedido en 2007.

JAVI MONTES

Ten traballado profesionalmente desde 1995 en deseño gráfico, publicidade, caricaturismo e humor de prensa. Maquetou o fanzine "Ovo" e foi humorista gráfico dos diarios "La Opinión" e "DXT Campeón" da Coruña. Ten contribuído a publicacións de BD como "O Fanzine das Xornadas" de Ourense e "BD Banda". Entre 2000 e 2002 foi empregado da empresa Bren Entertaiment en Santiago de Compostela (pertencente ao grupo Filmax) facendo deseño de fondos, personaxes e story-boards para a serie de animación Goomer. Exerce de debuxante e colorista de cómics free-lance para o mercado franco-belga e o americano. Ten traballado para as editoriais Vents D´Ouest, Paquet, Les Humanoïdes Associés, Marvel Comics e DC Comics.


1º premio no Certame de Cómic de Arteixo en 1999.


JACOBO FERNÁNDEZ


Ilustrador, pintor e autor de banda deseñada. É o creador da serie dos Arquivos do Archimboldo Roque para a revista Golfiño, que despois foi publicada nun só álbum. Tras realizar este personaxe converteuse en colaborador da publicación periódica Dos Veces Breve, así como da segunda época da revista BD Banda, na que desenvolve a serie titulada Animais pantasma. Ao mesmo tempo, continúa facendo BD para nenos.


PremiosVencedor do III concurso Castelao da Deputación da Coruña coa obra As Aventuras de Cacauequi (2007). Candidato aos premios do Salón de Barcelona de 2009 como autor revelación grazas a dúas obras de 2008, os álbumes de Archimboldo Roque e de Cacauequi. Gañador da última edición do Premio Merlín de literatura infantil coa obra “Mil cousas poden pasar”.

As entrevistas que os rapaces e rapazas fixeron a estes autores pronto estarán “colgadas” neste blog para que todos podamos escoitalas.