2ª SEMANA DA RADIO

lunes, 14 de abril de 2008

Lembrando a nosa 1ª Semana da Radio


Palabras de uso cotián no mundo dos xoves, tales como MP3, Bluetooth ou PDF nos demostran que as novas xeracións semellan vivir nun mundo audiovisual e futuro namentres que os eidos educativos parecen alleos a estas innovacións que eles xa utilizan na súa vida habitual. Por iso parécenos importante que aprendan a utilizar os medios de comunicación, a discernir o bo do malo, a criticar contidos audiovisuais, e a usalos dunha forma madura e responsable.
A introdución da radio no eido escolar non é doada, pero é un paso interesante a hora de conectar coas inquedanzas dos alumnos/as, e de introducir dunha forma transversal os medios de comunicación no currículo. É principalmente por este motivo que no curso 2006/07 organizamos a nosa Semana da radio. Durante cinco días ( que máis tarde se alongaría a oito) proxectáronse actividades e propostas, que mesturasen unha parte educativa cunha lúdica, para poder ser desenrolados polo alumnado de todos os niveis do noso centro.
Mediante charlas e talleres plantexouse esta Semana da Radio, que tería dende o seu comezo uns obxectivos sinxelos. Nacía como un primeiro paso, descoñecido por ser o primeiro, tan estimulante coma descoñecido nos seus resultados. A priori sabiamos cal sería a resposta dos rapaces e rapazas, con gañas de participar, pero non sabiamos se conseguiríamos integralos a todos neste proxecto ou se acadaríamos os resultados esperados en canto a obxectivos.

A Semana da Radio do Colexio Divino Salvador púxose en marcha o día 15 de xaneiro de 2007 as 11:30 horas cun acto no que participaron a Ilustrísima Alcaldesa de vigo Dona Corina Porro, a directora do centro Dona Lidia Toyos, o titular do centro, D. Basilio Toyos, e o responsable do proxecto D. Xavier Estévez. A este acto asistiron tamén representantes dos pais e nais, e os alumnos/as de 5º e 6º de Primaria.
Neste acto inaugural da Semana da Radio primaron as verbas en relación a importancia dos medios de comunicación e da motivación que se pretendía acadar, tal como subliñaron tanto a directora do centro como a alcaldesa da cidade de Vigo. Quizais o máis salientable foi unha pequena entrevista que lle fixeron alumnos e alumnas do 3º Ciclo de Primaria a nosa alcaldesa, unha entrevista non só sobre aspectos institucionais do seu cargo, senón tamén sobre a persoa e o seu camiño ata chegar a un cargo público tan importante.
A partir dese momento a coordinación entre os distintos ciclos educativos foron o motor que fixo funcionar a Semana da Radio coma nós desexabamos. Montamos unha pequena emisora na aula de audiovisuais (a aula reunía as condicións necesarias: podíase prescindir dela durante eses días, era o suficientemente silenciosa e ampla...), e as dificultades técnicas conseguiron superarse.
Practicamente todos os cursos do colexio pasaron pola nosa emisora nos días que lle adicamos a esta actividade. Dende os alumnos de infantil que cantaron algunha das cancións que coñecen e aprenden na aula ata os alumnos da ESO que gravaron programas máis elaborados sobre temas do seu interese, todos aprenderon sobre a dificultade de facer radio a base de práctica, sendo a experiencia unha forma de adquirir coñecementos gratificante.
As aulas prepararon os seus programas de radio xeralmente en grupos de cinco ou seis rapaces e rapazas. Os programas, (que abarcaban todo o abano do posible), preparábanse sobre un guión escrito que logo se desenrolaba diante do micrófono. Tamén se gravaron algunhas improvisacións, que resultan bastante difíciles para estes grupos de idades.
Debemos falar tamén das tres charlas que tivemos e a través das cales os rapaces aumentaron os seus coñecementos deste medio de comunicación. Juan Caballero, vinculado ao mundo da radio dende hai uns vinte anos, gran coñecedor deste medio, achegouse aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de E. Primaria cunha historia da radio que abarcaba dende a creación dos medios de comunicación a longa distancia, como o telégrafo, ao que será o futuro da radio nun mundo dixital. Foi un repaso a xa máis de cen anos de historia cheo de anécdotas e datos. A facilidade deste home para comunicar converteu a charla nunha clase maxistral onde os rapaces ademais de divertirse tamén quedaron abraiados con todo o que rodea ao mundo radiofónico. Por imposibilidade horaria, Juan Caballero so puido compartir con nós un par de horas, que, eso si, foron do máis lúdicas e sen dúbida proveitosas.
O profesor Xabier Estévez foi quen impartiu as dúas charlas restantes, baixo o título: “Tres historias da radio”. Tres historias que non eran senón o nacemento da radio da man de Guillermo Marconi, a chegada da radio á cidade de Vigo, e logo o gran momento da radio na súa historia coa versión de “A guerra dos mundos” con Orson Welles.
Para que estas charlas poidan ter lugar, e para que a Semana da Radio teña continuación, nós seguiremos poñendo a nosa enerxía e a nosa ilusión. Como dixo George Herbert o peor pecado da educación é ser aburrida, así que é a nós, aos mestres, a quen lles toca abrirlles aos rapaces unha fiestra por onde asomarse á sociedade que lles espera, e onde os medios de comunicación forman parte esencial.