Uxía
Senlle é unha cantante galega nada en Mos alá polo ano 1962. Comezou a cantar
dende moi nova. A súa carreira comeza oficialmente en 1985, cando gaña o
primeiro premio do Festival de Bergantiños. En 1986, con só vinte e catro
anos, publica o seu primeiro álbum, Foliada de Marzo, cunha música
bastante próxima ao tradicional, influenciada polo espertar da poesía galega na
música popular. Ao ano seguinte incorpórase como vocalista ao grupo Na Lúa,
un dos buques insignias do folk galego, e talvez o máis renovador dos anos
oitenta. Con eles grava dous discos, A Estrela de Maio (1987) e Ondas do Mar
de Vigo (1989).
Catro anos despois, en 1991, deixa o grupo e edita outro álbum en
solitario, o cosmopolita Entre cidades, un paseo emocional polas cidades
do mundo en clave literaria co que achega aires pop e un certo sabor urbano á
súa discografía.
O 6 de marzo de 1994 participa no
espectáculo Mulleres a viva voz, con Amália Rodrigues e coa mallorquina Maria del Mar Bonet. A partir dese momento
continuará na liña máis cosmopolita, destacándose polas súas intervencións en
discos alleos, polas colaboracións en concertos de varios artistas e pola
creación de espectáculos plurais sobre a canción de mulleres ou o ámbito
da lusofonía.
Un bo exemplo é o festival Cantos na Maré un
proxecto cultural pioneiro que a través da lingua e da música traza un mapa
común entre os territorios lusófonos, e que despois de varias edicións en
Pontevedra, no 2009 comezou
unha nova andaina en Brasil. Outros proxectos destacados son O cantar
das mulleres, O cantar das galegas, Natal dos simples ou Son
Delas.
O
seu maior éxito chegou en 1995 co álbum Estou vivindo no ceo, producido
polo portugués Júlio Pereira, e que a deu a coñecer en toda
Europa. Nel renova a canción tradicional galega, con algúns dos seus temas máis
coñecidos, como o “Alalá das mariñas” ou “A laranxa”. O disco dá pé á aparición
de todo un amplo abano de vocalistas femininas nos finais dos anos noventa,
como Guadi Galego, Leilía ou Anubía.
Editado en Europa, EEUU e Canadá, foi recoñecido pola crítica europea coma un
dos mellores álbums daquel ano.
Despois
de participar en media ducia de proxectos colectivos, grava La Sal de
la Vida (1997),
xunto a Rasha (Sudán), María Salgado (Castela)
e Xesús Pimentel. No 2000 Uxía
publica Danza das Areas, unha proposta musical complexa producida
polo pianista Nani García e na que participan máis de 40
músicos e vocalistas convidados, entre os que destacan Dulce Pontes, Xosé Manuel Budiño, María del Mar Bonet, Karen Matheson, Donald Shaw (Capercaillie), Michael McGoldrick,João Afonso, Susana
Seivane ou Quim Farinha.
Eterno
navegar, o seu quinto disco en solitario, non chegou ata 2008.
Nel rodéase de músicos galegos, africanos e portugueses, para ofrecer unha
proposta musical na que as raíces galegas conviven cos cantos portugueses e
africanos. Ademais de manter unha prolífica carreira musical en solitario e de
colaborar en ducias de proxectos alleos, Uxía produce, escribe e compón
cancións para os primeiros traballos discográficos de Emilio Rúa, Cantareiras
do Berbés, Malvela e a Señora Carmen e
para A nena e o Grilo.
Os
seus temas están tamén recollidos en máis dunha ducia de compilacións nacionais
e internacionais. Tamén compón ou intervén na banda sonora orixinal de media
ducia de proxectos audiovisuais, como Río de Sombras, Minas, Lobos, Abrígate ou Que
culpa tiene el tomate.
Representou
a Televisión de Galicia en 1991 nun
festival de televisións rexionais celebrado en Nüremberg e
a Galiza na Expo 98 de Lisboa e
no Liet
International, no festival de música máis importante para linguas
minorizadas, que se celebrou en Ljouwert en 2004,
e onde a mosense quedou terceira.
Ultimante está colleitando un grande éxito co libro-disco: "Rosalía, pequeniña", onde pon música e voz a algúns dos poemas da poetisa galega.
Ultimante está colleitando un grande éxito co libro-disco: "Rosalía, pequeniña", onde pon música e voz a algúns dos poemas da poetisa galega.