
Os rapaces chegan á escola cos petos cheos de coñecementos que a sociedade lles vai dando. A través dos medios de comunicación o mundo ábrese ante eles e os vai preparando para participar desa mesma sociedade no futuro. A escola non pode permanecer allea a isto. A súa función é a de aproveitar ao máximo as capacidades dos nenos e nenas e potencialas para convertilos en homes e mulleres de proveito para os próximos anos.
Esta experiencia educativa pretendeu, dende o seu comezo, mergullar aos alumnos/as nos medios de comunicación para descubrir xuntos a pluralidade cultural da nosa terra. A radio como medio motivador que axude a espallar entre eles esa parte importante de Galicia que moitas veces ten difícil acceso á escola: a música, o cinema... é tarefa nosa tamén que medre a curiosidade nos rapaces arredor desa cultura.
Este ano o eixe argumental foi o cinema galego, nestes tempos en que o audiovisual galego non deixa de medrar. O recoñecemento exterior da boas mostras de que neste campo o traballo que se está a realizar en Galicia é exemplar. Partindo do ámbito local as produccións galegas son premiadas polo mundo enteiro e acadan a calidade de calquera producción internacional. Queríamos que os alumnos coñeceran, valoraran e apreciaran esta labor. Que descubrisen por si mesmos a importancia do audiovisual galego, a validez das películas feitas aquí e as destacadas cualidades dos actores e actrices da nosa terra. Quen sabe se algún acabará collendo este camiño, a senda de sementar historias, de narrar o vivido ou de soñar con outros mundos posibles.
A través dalgunhas entrevistas, do visionado dalgunhas cintas e da realización de programas de radio achegámonos neste curso ao mundo do cinema. A nosa pretensión é a de continuar en vindeiros anos con esta experiencia. Seguir achegando dunha forma práctica a sociedade e a cultura aos rapaces. A porta queda aberta para todas as suxerencias que xurdan. Queremos seguir esforzándonos para que unha semana cada curso o noso centro sexa un faro que guíe coa súa luz a curiosidade cara nós. Aprender xuntos, traballando xuntos.