2ª SEMANA DA RADIO

jueves, 17 de abril de 2008

Visita dos Berrogüetto


O último dos grupos que pasaron pola nosa Semana da Radio foi Berrogüetto, un grupo que tenta dende os seus inicios que a música tradicional galega trascenda fronteiras, conservando a paixón polas nosas raíces. Anxo Lois Pintos e Quico Comesaña estiveron no noso centro para falarnos da historia do grupo e tamén da traxectoria da música galega e de como con certa sensibilidade esta pode acadar éxitos en todo o mundo.
Berrogüetto naceu en 1996 cun primeiro álbum de título Navicularia, un éxito entre crítica e público que daba o punto de partida a unha carreira de catro discos que conseguiron levar a música tradicional por un camiño de diversidade e contemporaneidade que xa iniciaran outras bandas como Milladoiro ou Luar Na Lubre.

Como diría Rodrigo Romaní, unha das figuras máis emblemáticas da música galega de todos os tempos: “Berrogüetto é o nome da subversión en contra do acomodaticio e do rutineiro. É a procura dun alén no decorrer das horas de traballo honesto e sincero, na beleza agochada no trasluz da constancia. Berrogüetto é o nome da minuciosidade puntillísta, do fino encaixe de harmonía e tempo, da áxil melodía que non se contenta coa súa galanura e alza os ollos para enxergar horizontes máis azuis e máis amplos”.