Este proxecto que puxemos en marcha este curso xunto coa Escola Mestre Estadella de Lérida partía da base de establecer lazos de amistade entre rapaces e rapazas de diferentes comunidades autónomas e, polo tanto, de diferentes realidades sociais. Estes lazos comezaron a realizarse mediante un intercambio de cartas e fotos, mais cara finais de curso os mestres e mestras implicados no proxecto decidimos dar un paso máis. A tecnoloxía actual permítenos facer unha videoconferencia de forma sinxela sen contar con grandes medios técnicos. Deste xeito, puxémonos mans á obra e, coa dificultade de cadrar horarios, realizamos unha videoconferencia. Aquí tedes unhas fotos que ademais amosan os dous lados desta iniciativa.